- Informou ao rexedor de que a Xunta está a traballar no proxecto de mellora da ponte de Xulián co obxectivo de dotalo dunha anchura adecuada
- O conselleiro tamén explicou ao alcalde a situación do proxecto do auditorio, e trasladoulle que os fondos previstos para o mesmo no ano 2007 perdéronse pola imposibilidade de dispoñer dos terreos e tamén polas deficiencias técnicas do proxecto licitado polo bipartito
- Hernández asegurou que a consellería traballará co concello para axilizar a tramitación do plan xeral
- En relación coas autovías previstas na zona, tanto o conselleiro como o alcalde manifestaron que é necesario priorizar a execución da A-57
- Rexeitaron á alternativa proposta polo Ministerio de Fomento para a conexión da estrada A-59 coa rede arterial Vigo-Peinador, e solicitan a Fomento que retire a chamada alternativa 5 do estudo informativo a favor da alternativa 11
- Hernández manifestou que está pendente de que o Ministerio de Fomento aporte os informes e a documentación comprometida sobre os apeadeiros de cercanías, e mais en concreto o de Chapela.
Santiago, 14 de setembro de 2011.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas mantivo esta tarde unha reunión co alcalde de Redondela, Javier Bas Corugeira, para abordar diversas cuestións relacionadas co concello en materia de infraestruturas.
Hernández informou ao rexedor de que a Xunta de Galicia está a traballar no proxecto de mellora da ponte de Xulián co obxectivo de dotalo dunha anchura adecuada, e anunciou que está actuación se priorizará por parte da consellería en función das dispoñibilidades orzamentarias.
O conselleiro tamén explicou ao alcalde a situación do proxecto do auditorio, e trasladoulle que os fondos previstos para o mesmo no ano 2007 perdéronse pola imposibilidade de dispoñer dos terreos e tamén polas deficiencias técnicas do proxecto licitado polo bipartito.
Ademais abordáronse outras cuestións como a depuradora ou o plan xeral. Respecto a este último, Hernández asegurou que a consellería traballará co concello para axilizar a tramitación deste instrumento urbanístico.
En relación coas autovías previstas na zona, tanto o conselleiro como o alcalde manifestaron que é necesario priorizar a execución da A-57. Ademais, rexeitaron á alternativa proposta polo Ministerio de Fomento para a conexión da estrada A-59 coa rede arterial Vigo-Peinador, tanto por motivos de custes económicos como de ocupación de solo.
Ambos mandatarios solicitan a Fomento que retire a chamada alternativa 5 do estudo informativo a favor da alternativa 11, por ser mellor tomando en consideración factores de velocidade de trazado, seguridade viaria, afección a outras redes, calidade do trazado, captación de tráfico, funcionalidade e custe económico ambiental.
Finalmente, abordaron tamén a situación do tren de cercanías. Agustín Hernández manifestou que está pendente de que o Ministerio de Fomento aporte os informes e a documentación comprometida sobre os apeadeiros de cercanías, e mais en concreto o de Chapela.
SAÚDOS, GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS




