JAVIER BAS BUSCARÁ A MÁXIMA EFICIENCIA DE TODOS OS RECURSOS PARA POÑELOS AO SERVIZO DOS CIDADÁNS
• O Partido Popular de Redondela presentou esta mañá a diferentes colectivos o seu programa en materia de Servizos Sociais coa presenza da conselleira de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, Beatriz Mato
• Os populares redondeláns apostan pola ampliación do número de prazas nas garderías, a asistencia a domicilio, a formación e xeración de emprego nesta materia e á creación dun punto de información ao inmigrante entre outras iniciativas, todas elas en sintonía con que xa está desenvolvendo o Executivo autonómico
Redondela, 11 de maio de 2011.- O Partido Popular de Redondela presentou esta mañá, no Convento de Vilavella, a diferentes asociacións e colectivos o seu programa en materia de Servizos Sociais. O acto, presidido por Javier Bas, candidato á Alcaldía, contou coa presenza de Beatriz Mato, conselleira de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, ademais de Teresa París, secretaria de Comunicación do PP local, especialistas na materia de asuntos sociais, e Francisca Canal, membro tamén do partido e directora do Centrosociocomunitario de Redondela.
Bas asegurou aos alí presentes que buscará a máxima eficiencia de todos os recursos para poñelos ao servizo dos cidadáns. Neste marco, o candidato á Alcaldía avogou pola asistencia ao domicilio das persoas dependentes para o cal “promoveremos tamén o emprego a través da formación encamiñada a este fin, porque o benestar social é tamén unha fonte de emprego, un nicho de mercado que está por explotar e con moitas perspectivas de futuro”.
“Conseguiremos que Redondela ocupe o posto que se merece no mapa dos Servizos Sociais de Galicia”, aseguraba Bas. O número de prazas de garderías será ampliado, un dato corroborado pola conselleira que explicou que a día de hoxe hai en toda Galicia unhas 2.000 prazas e que ao finalizar este 2011 haberá 1.000 máis, polo que “de seguro Redondela será beneficiaria deste aumento acollendo posiblemente unha nova escola infantil”.
Outra das propostas dos populares redondeláns é a creación dun punto municipal de información ao inmigrante e a de comedores escolares, estudando tamén a necesidade dun comedor social. Así mesmo, “atenderemos as necesidades específicas das familias con nenos que requiran educación especial, impulsaremos medidas de axuda á natalidade no noso concello, programaremos campañas de colaboración con asociacións e institucións dedicadas ao coidado de persoas con necesidades especiais, eliminaremos progresivamente as barreiras arquitectónicas en edificios públicos, incentivando a súa supresión en propiedades particulares, elaboraremos unha guía de mobilidade, revitalizaremos o asociacionismo dos nosos maiores e a súa colaboración na vida municipal e poremos en funcionamento o centro de día de Cesantes, co compromiso de que poida estar en servizo no 2013”.
Todas estas iniciativas e propostas “van en sintonía” co que xa está a desenvolver a Xunta de Galicia. Neste senso, Mato ofreceu todo o seu apoio dende a consellería que dirixe e que traballa a diario no fomento da autonomía persoal para previr a dependencia, nun plan integrado de discapacidade, nun plan de inmigración, en estratexias en materia de xuventude, muller e mellora da conciliación familiar e na Lei da Dependencia.




