JAVIER BAS E AGUSTIN HERNANDEZ EXPUXERON, OS PRINCIPAIS PUNTOS DO PROGRAMA DE INFRAESTRUCTURAS.

Redondela, 11 de maio de 2011.- O Partido Popular de Redondela amosou sempre o seu apoio aos miles de veciños do municipio na súa demanda de priorizar a construción da A-57 (Pontevedra-O Confurco) fronte a ampliación da AP-9. Ademais, reclámase seguir co trazado desta autovía xa prevista coa chamada alternativa 11 (Pazos-Os Valos-Peinador) en lugar da A-59, “a que máis danaría a todas as parroquias de Redondela e que, curiosamente, só é defendida polo propio alcalde”, subliña Javier Bas presidente da Xestora local e candidato á Alcaldía.
Un apoio que se manifestou diante do Parlamento Galego e tamén do Goberno local, reclamando esta necesidade “tan imperiosa”, pleno tras pleno sen recibir nunca unha resposta favorable. Neste marco, mañá mércores, ás 16.30 horas, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, Agustín Hernández, achegarase ao centro cultural de Reboreda para explicarlle a todos os veciños a situación actual e real do proxecto, na que non se da prioridade á construción da A-57 e da alternativa 11, “a máis barata, máis curta e máis beneficiosa para Redondela; do contrario, atoparémonos ante outro novo desfeita da nosa paisaxe sen aportar solución algunha ao tráfico”, sinala Bas.
Segundo os populares esta nova infraestrutura, tal e como a quere o bipartito, vai arrasar de novo o Concello de Redondela. “Así, no noso programa defendemos que imos facer todo o humanamente posible para que Redondela estea comunicada coa rede de autovías e autopistas, que teñamos unha conexión directa cara á meseta, e que non suframos por iso a barbaridade que suporía renunciar ao trazado da A-57, conectándoa con Peinador coa alternativa 11”.
O PP considera que levar adiante o trazado da alternativa 5, coñecido coma A-59, sería “botar pedras cara ao noso propio tellado. Desfacer de novo as parroquias, partíndoas pola metade, encher de afeccións a miles de terreos e expropiar a vivenda de moitos veciños, sen contar coa perda de calidade de vida, e do modo de subsistencia de moitas familias que queren seguir vivindo e disfrutando do rural”.
Do mesmo xeito, o PP critica que “a nosa máis alta representación municipal non está ao lado dos veciños, senón que adopta unha actitude partidista, ata o límite de defender publicamente este proxecto sen argumentos, e nós imos defender o territorio e os veciños afectados por riba de todo”, conclúe o candidato á Alcaldía

This entry was posted in Novas de Prensa. Bookmark the permalink.

Comments are closed.