PRESENTACION DO NUMERO DOUS DA CANDIDATURA, MIGUEL A. ALVAREZ.

O CONCELLEIRO MIGUEL ÁNGEL ÁLVAREZ CONTINUARÁ NA CORPORACIÓN MUNICIPAL DE REDONDELA DA MAN DE JAVIER BAS

• Aos seus 47 anos, este veciño de Chapela participa activamente en diferentes asociacións e movementos veciñais, calidade que combina co traballo de autónomo-comercial

Redondela, 27 de abril de 2011.- Unida ás novas incorporacións tamén son a destacar a permanencia doutras persoas, actuais concelleiros da Corporación Municipal de Redondela. Nesta liña, Miguel Ángel Álvarez ocupa o posto número dous da candidatura do Partido Popular que concorrerá ás vindeiras eleccións do 22 de maio, encabezada por Javier Bas.
Redondelán de nacemento, residente en Chapela, casado e con dous fillos, aos seus 47 anos Álvarez defínese como unha persoa moi partidaria e defensora do asociacionismo “como vehículo de convivencia, relación social e traballo en grupo”. Así, Miguel Ángel con 17 anos xa se fixo cargo do Club Juvenil Parroquial Altamar de Chapela, contribuíu á fundación da Asociación de Actividades Culturales y Familiares ANCORA, foi secretario da Sociedade Deportiva Chapela de Fútbol e Balonmán, así como tamén da Asociación de Veciños de Chapela e da Asociación Cultural e Deportiva Cidadelle, onde é a día de hoxe vocal da Xunta Directiva. Ademais, tamén estivo representando ao fútbol de Chapela nos consellos parroquiais, deporte, xunto co balonmán, que practicou de mozo en diferentes equipos do municipio.
No ámbito laboral destaca a súa predisposición e iniciativa. Tras realizar os estudos de FP1 e FP2 en Técnico Especialista en Máquinas e Ferramentas, incorporouse rapidamente ao mundo laboral. Ao longo de 8 anos traballando na empresa Fundiyacto (actualmente Visteon) participou activamente ata o punto de ser o delegado sindical. Dende o ano 1994 e ata a actualidade Álvarez traballa como autónomo comercial no ramo dos seguros.
Javier Bas está convencido de que a continuidade de Miguel Ángel Álvarez no Grupo Municipal do Partido Popular “é precisa e acertada”. O presidente da Xestora local e candidato á Alcaldía do PP dará a coñecer este xoves a composición da lista completa coa celebración dun acto público e aberto a todos os redondeláns que terá lugar na praza da Casa da Torre. Javier Bas convida a todos os afiliados, simpatizantes e veciños a que acudan mañá a este punto, no centro da vila, a partir das 20.30 horas e amosen o seu apoio ao Partido Popular de Redondela de cara ás vindeiras eleccións.

This entry was posted in Chapela, Novas de Prensa. Bookmark the permalink.

Comments are closed.