JAVIER BAS INCORPORA A ANA ALONSO E TERESA PARIS EN POSTOS DESTACADOS DA CANDIDATURA DO PARTIDO POPULAR DE REDONDELA
• Trátase das dúas primeiras mulleres que figuran na lista do PP de Redondela para as eleccións municipais do 22 de maio. Unha candidatura renovada e con novas incorporacións que será presentada nun acto público nos vindeiros días
Redondela, 16 de abril de 2011.- O Partido Popular de Redondela non deixa de traballar de cara ás vindeiras eleccións municipais do 22 de maio co obxectivo último de acadar a maioría absoluta que lle permita gobernar. Para elo unha das actuacións máis importantes é a elaboración dunha candidatura formada por persoas competentes e comprometidas con Redondela. Deste xeito, o cabeza de lista e actual presidente da Xestora local, Javier Bas, dentro do proceso de renovación que se iniciou no partido o pasado ano, foi incorporando caras novas “con vistas xa a conformar unha lista electoral de cara a estes comicios e que en poucos días será presentada nun acto público”, explica.
Neste marco, Bas presenta xa a dúas das integrantes da candidatura, “as dúas primeiras mulleres da lista”: Ana María Alonso Alonso e Teresa París Blanco, actual secretaria de Comunicación da Xestora. “Ambas aportan a visión de mulleres novas e con experiencia no eido laboral e no familiar”. Alonso é experta en dirección e finanzas, “fortalecendo así ao equipo nunha área vital como é a económica e de recursos financeiros, mentres que París vincularase á area social”, asegura Bas.
Ana María Alonso Alonso é natural de Cedeira, aínda que a día de hoxe é veciña de Cabeiro, está casada e é nai de dúas nenas. É licenciada en Ciencias Económicas e con máster en Contabilidade e Auditoría. Na súa traxectoria profesional desempeñou o cargo de xefa de Administración e Tesourería en empresas de ámbito nacional, ocupando na actualidade o posto de directora Financeira nunha importante empresa pertencente a un grupo internacional.
Teresa París Blanco é veciña de Chapela, está casada e ten dúas fillas. É diplomada en Graduado Social e conta cunha importante experiencia no eido do voluntariado social. Forma parte da directiva da Asociación Cultural de Cidadelle e é membro activo da Asociación de Celíacos de Galicia. Foi xerente do Mercado Municipal do Progreso e actualmente desempeña tarefas de administración nun bufete xurídico.
Javier Bas aposta por unha nova forma de traballo e xestión das distintas áreas do Concello, reunindo as persoas co perfil máis axeitado a cada concellería. O candidato á Alcaldía do Partido Popular dará a coñecer publicamente nos vindeiros días a composición da lista completa coa celebración dun acto aberto a todos os redondeláns.


