JULIO ALONSO MONTEAGUDO OCUPARASE DA ÁREA DE CULTURA NO EQUIPO DE JAVIER BAS
• Ten 42 anos é veciños de San Esteban de Negros, casado e con tres fillos, experto en xestión cultural
Redondela, 20 de abril de 2011.- Na liña que Javier Bas, o cabeza de lista e actual presidente da Xestora do Partido Popular de Redondela, quere dar á composición da candidatura electoral para os vindeiros comicios do 22 de maio, realiza outra nova incorporación. Trátase de Julio Carlos Alonso Monteagudo, que se ocupará da área de Cultura e aportará ao equipo liderado por Bas a súa especialización e experiencia na xestión deste departamento.
“Con esta nova incorporación damos un gran paso de cara a afrontar coas competencias necesarias a área de Cultura no Concello de Redondela, que é como realmente se merece. Alonso ten unha visión moi ampla neste campo e coñece perfectamente as ferramentas e a xestión dos recursos culturais”, asegura Bas.
Alonso Monteagudo ten 42 anos e é veciño de San Esteban de Negros, onde reside coa súa muller e os seus tres fillos. É diplomado en Maxisterio e doutor en Antropoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, ademais de posuír a Licenciatura de Xeografía e Historia coa especialidade en Musicoloxía pola Universidade de Oviedo e o Máster en Xestión Cultural pola Universidade de Barcelona e o Título de Especialista en Xestión do Patrocinio e do Mecenado desde as Empresas e o Sector Público pola Universidade Oberta de Cataluña. Ata o día de hoxe exerceu de mestre en educación infantil, primaria e secundaria e actualmente forma parte do corpo de profesores de Música e Artes Escénicas no Conservatorio Superior de Música de Vigo.
Dende sempre estivo moi vinculado a Redondela, pasou por todas as categorías do Club Deportivo Choco, así como tamén xogou nas filas do equipo de fútbol de Reboreda. Noutros ámbitos, foi socio fundador do Cincelub e colaborou con distintos colectivos de carácter ecolóxico.
Javier Bas está convencido de que “Julio Carlos é a persoa idónea para estar ao fronte da área de Cultura do Concello”. Neste sentido di Bas que “seguiremos avanzando con este modo de traballo de adecuar as persoas ás responsabilidades que van a desenvolver no Goberno local”.
O candidato á Alcaldía do Partido Popular dará a coñecer publicamente na próxima semana a composición da lista completa coa celebración dun acto aberto a todos os redondeláns.


