O PP DE REDONDELA ACUSA AO GOBERNO LOCAL DE EMPREGAR O MANIFESTO DO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER DE XEITO PARTIDISTA
• Os populares negáronse a afirmar dito manifesto ao expoñerse nel contidos fóra de contexto e non representar as mulleres de Redondela, senón as posturas ideolóxicas do bipartito atacando co Goberno autonómico do PP
Redondela, 18 de marzo de 2011.- O Partido Popular de Redondela escusou de apoiar o manifesto elaborado con motivo do Día Internacional de Muller pola Concellería de Igualdade ao considerar que o seu contido “é en exclusiva un ataque ao goberno autonómico do PP, e por extensión ao noso partido en Redondela”, asegura Teresa París, secretaria de Comunicación do PP local.
No corpo deste manifesto existen referencias ao risco de involución dos dereitos da muller que estamos a vivir, unha interpretación da realidade moi sesgada e que a día de hoxe, no ano 2011, semella de ciencia ficción, e por ende, “ese cambio de rumbo que piden nos dereitos da muller ten só un fin ideolóxico, xa que o cambio xa fai décadas que se produciu e ademais é imparable”, sostén París.
“Piden para empezar un plan de emprego feminino pero só fan iso, pedir, sen propoñer ou presentar ningún traballo feito –levan así os últimos oito anos- e piden que se retire o proxecto de Lei de Familia, por que non lles gusta, –como se as mulleres viviran illadas do mundo e non formasen parte da unidade familiar nin fosen suxeitos de dereitos-, e a maiores mencionan as axudas da violencia de xénero cando a Xunta de Galicia segue mantendo as partidas, sen recorte algún, con este fin, mentres nos preguntamos qué partidas medraron no Concello de Redondela de cara a axudar a estas mulleres e ás súas familias, qué medidas aprobaron eles para paliar este grave problema e como axudan dende os despachos municipais e en qué prazos?. O que non din é que tampouco medraron as que proveñen do Goberno Central, que seguen a manter as mesmas cifras”.
Tendo en conta estas formulacións, “comprenderán que a firma deste manifesto non significa dende o noso punto de vista un apoio á muller, senón o apoio a unha lista de cuestións que politicamente consideran correctas os señores e señoras do Goberno local para articular peticións que lles rendan fronte os seus partidarios”.
Dende o Partido Popular de Redondela “expresamos o noso compromiso total e absoluto de coidar que eses dereitos continúen a ser tratados positivamente na vida diaria das mulleres e que cada unha viva segundo o seu ideario”.
“As políticas de igualdade e da muller han ser para todas nós por igual, pensemos o que pensemos. Así, as mulleres merecemos dunha vez ser libres, actuar conforme a nosa vontade e deixar de ser cobaias na enxeñaría da ideoloxía de xénero. Isto é o que asina o PP de Redondela”, conclúe París.

