Redondela, 31 de xaneiro de 2011.- Javier Bas, presidente da Xestora do Partido Popular de Redondela e candidato á Alcaldía, lémbralle ao señor Reguera, a raíz das súas declaracións respecto da presentación do proxecto para o Porto de Cesantes, que a remodelación integral desta zona portuaria “é de vital importancia para Redondela, non só para Cesantes senón para todo o municipio, é a resposta, firme e comprometida, da Administración autonómica que viñamos esperando para dar solución e proxección ao noso porto”.
JAVIER BAS LÉMBRALLE AOS SOCILISTAS QUE “EN POLÍTICA O PRIMEIRO É O BEN COMÚN E O SEGUNDO TAMÉN”
Por outra parte, Bas asegura que “Reguera nin oe nin quere oír as voces de quen son os seus administrados, que levan anos e anos pedindo a quen quixo oílos un plan de mellora e adecuación da totalidade das instalacións aos nosos tempos; unha necesidade reclamada por mariñeiros e mariscadores que agora grazas á Xunta de Galicia xa é unha realidade”.
Unha actitude de xordeira a deste concelleiro socialista que non é nova, “pois é algo que Eduardo Reguera ten por costume cando as voces non son as que quere escoitar e son incómodas”, poñendo como exemplo máis recente, “a forma en que se despreza a voz dos redondeláns que rexeitan a construción da A-59, defendida ata o último momento polo Goberno municipal”.
A maiores “de non saber interpretar este proxecto portuario como algo construtivo para o futuro de Redondela nin de escoitar a voz da veciñanza, pon dun xeito equivocado o acento na interpretación política dun proxecto que beneficia a ao noso municipio, especialmente a varios sectores económicos e a colectivos que dependen directamente do mar e que dá unha nova imaxe de futuro para o Concello e pon a Redondela un paso adiante, a toda Redondela sen exclusión nin cores”.
A día de hoxe por fin ve a luz un proxecto tan reclamado durante anos. “Hoxe Cesantes e as súas xentes están de parabéns, e con eles todo o municipio de Redondela. E se o señor Reguera segue sen ser consciente desta situación alguén debería comezar a explicarllo. En política, o primeiro é o ben común e o segundo tamén”, conclúe Bas.

