O PP DE REDONDELA DENUNCIA A POSTURA DO BIGOBERNO LOCAL DE NON POSICIONARSE EN CONTRA DA AMPLIACIÓN DA AP-9
• Os populares presentaron unha moción no último pleno solicitando a paralización do proxecto mentres non se resolvese o recurso interposto ante a Audiencia Nacional e socialistas e nacionalistas deron o seu voto negativo, en contra do esperado, pois ata o de agora sempre se postularon en contra da ampliación da AP-9 no tramo Rande-Chapela
• Con esta actitude, “o Bigoberno redondelán estalle a negar o apoio aos miles de veciños afectados”
Redondela, 4 de febreiro de 2011.- O Partido Popular de Redondela denuncia a actitude do Bigoberno local ante a súa negativa de apoio á paralización do proxecto de ampliación da AP-9 no tramo Rande-Chapela. Dende o PP “non podemos entender a postura actual dos dirixentes do Concello que fai uns meses era totalmente contraria, pronunciándose en contra de dito proxecto”, explica Javier Bas, presidente da Xestora do PP de Redondela e candidato á Alcaldía.
No último pleno, celebrado o pasado día 26 de xaneiro, o PP presentou unha moción para solicitar ao Ministerio de Fomento a paralización desta ampliación, a lo menos mentres non se resolvera o recurso interposto pola Plataforma de afectados ante a Audiencia Nacional, e a resposta obtida foi o voto en contra de socialistas e nacionalistas. “Dende o PP pensamos que tendo en conta o procedemento aberto ao respecto e dentro dunha postura coherente e lóxica de cara a defender os intereses de Redondela pero, sobre todo, o dos afectados, que son todos os veciños de Chapela, todos os membros da Corporación municipal debería apoiar a paralización deste proxecto”, subliña Bas.
Coa actitude adoptada no pleno, “o Bipartito está a amosar a súa negativa de apoio a estes miles de veciños afectados, un apoio que ata non fai moito tempo si contemplaban, o que supón un cambio substancial nas posturas mantidas ata o de agora por estes partidos en contra da ampliación”, asegura o candidato do PP á Alcaldía de Redondela.
Con todo, o PP continuará na mesma posición, coa loita por conseguir que este proxecto non se execute.

