O PP DE REDONDELA VOLVE SOLICITAR A COMPARECENCIA DE REGUERA E PROPÓN A CONSTRUCIÓN DUN PATIO CUBERTO NO COLEXIO SANTA MARIÑA CON FONDOS MUNICIPAIS
• No pleno de mañá mércores, os populares preguntaranlle a Reguera polas actuacións realizadas con cargo ao denominado 1% cultural e por outras cuestións en materia de facenda e cultura
• Presentarán tres mocións centradas na ampliación da AP-9, no asfaltado do aparcamento do centro da Sociedade Agraria de Reboreda e na construción deste patio cuberto
Redondela, 22 de febreiro de 2011.- O Partido Popular de Redondela, no seu labor de fiscalizar o traballo do Goberno local, presentará no pleno de mañá mércores unha serie de mocións, solicitando tamén a comparecencia de concelleiros para que dean as explicacións oportunas en cada caso.
Comparecencias en materia de patrimonio, cultura, facenda
Unha vez máis, e xa van tres –negándose sempre a falar-, o PP solicitará a comparecencia do concelleiro delegado de Patrimonio, Eduardo Reguera, para que dea conta das actuacións realizadas polo seu departamento con cargo ao denominado 1% cultural, “a nosa intención é a de coñecer qué proxectos en materia de conservación do patrimonio histórico cultural solicitara o Concello con cargo ás obras do AVE”, sinala Alberto Pazos, voceiro do PP local, lembrando que, segundo a lexislación actual, todas as obras públicas executadas en España con orzamento superior a 600.000 euros teñen que reservar un 1% para accións culturais e de conservación do patrimonio histórico cultural.
Reguera deberá comparecer respecto doutras dúas cuestións. Por unha parte, como concelleiro de Cultura, solicítaselle que explique a situación actual das obras do novo auditorio de Redondela, “pois seguimos sen coñecer o estado do expediente e o seu futuro inmediato”; tamén se lle solicitará que explique o motivo e o contido das xuntanzas ás que foron convocadas entidades e asociacións culturais de Chapela. Por outra banda, e como concelleiro de Facenda, a petición de comparecencia céntrase na polémica creada en torno á instalación ou non da fonte piramidal na praza da Farola, “dotada cunha partida de 54.000 euros no pasado pleno extraordinario do mes de xaneiro e que a día de hoxe non se sabe qué vai ser deste novo monumento”.
Finalmente, e polo que respecta ás comparecencias, o PP solicita que a concelleira de Interior, Laura Lago, explique á corporación cal foi a información aportada polo Concello ao valedor do pobo con relación á problemática da localización e sinalización do camiño da Correola na parroquia de Chapela.
Mocións
Serán tres as mocións presentadas polo grupo municipal do PP. A primeira delas versa sobre a ampliación da AP-9, solicitando que se paralicen todos os traballos para así garantir a conservación e potenciación do castelo de Rande.
Por outra parte, preséntase unha moción solicitando o asfaltado para acondicionar o aparcamento do centro da Sociedade Agraria de Reboreda, “pois parece que están xurdindo algúns problemas por parte do Goberno local, cando dende a Deputación de Pontevedra xa se fixo o proxecto, aportáronse os fondos e tense toda a vontade de iniciar canto antes os traballos”.
Finalmente, ante as constantes demandas da asociación de pais e nais do Colexio Santa Mariña de construír un patio cuberto, peticións non atendidas polo Goberno municipal, o grupo do PP proporá mediante unha moción que se proxecte e se execute esta obra neste centro educativo no que están matriculados uns 450 escolares, con cargo a fondos municipais. Para elo, os populares propoñen que a partida para este fin se extraia dos 1.400.000 euros dos que o Concello dispón para obras sen determinar, como así se expuxo no último pleno extraordinario do mes de xaneiro.

