O PP DE REDONDELA MANIFESTA A SÚA PREOCUPACIÓN ANTE A FALTA DE SEGURIDADE VIARIA NA N-555 AO SEU PASO POR CEDEIRA
• Os populares critican que a situación continúa como fai 20 anos, ante “os oídos xordos” do Goberno local. Non hai beirarrúas nin beiravías, existen moitas zonas estreitas, cambios de rasantes perigosos e cunetas sen protección, ao que se lle engade o tránsito continuo de vehículos pesados
Redondela, de febreiro de 2011.- O Partido Popular de Redondela manifesta a súa preocupación ante o estado no que se atopa a estrada N-555 que une o centro da vila con Peinador, atravesando varios barrios da parroquia de Cedeira. “A inseguridade que padecen veciños e viandantes é a mesma hoxe que fai 20 anos”, sinala Javier Bas, presidente da Xestora do PP de Redondela e candidato á Alcaldía. A estrada carece de beiravías e beirarrúas, existen moitas zonas estreitas, cambios de rasante moi perigosos e cunetas sen protección, que en algúns puntos teñen máis de 70 centímetros de profundidade. A maiores, o límite de velocidade mantense nos 60km/hora permitíndose o adiantamento en moitas zonas e o tránsito de camións e vehículos pesados é constante ao longo de día, tendo en conta ademais as molestias xeradas nos últimos anos por mor das obras do AVE.
Ante esta situación de inseguridade viaria, ademais dos problemas de ruído e po, os veciños da zona non deixan de reivindicar os seus dereitos a ter unha calidade de vida coma o resto dos redondeláns, chegando incluso a facer concentracións diante da Casa do Concello ante ás cales, “e os resultados á vista están”, o Goberno local “fai oídos xordos”.
Por todo elo, dende o PP de Redondela instan a socialistas e nacionalistas a garantir a seguridade viaria nesta estrada, solicitando a instalación da sinalización axeitada, adecuando a velocidade a unha zona poboada e construíndo beiravías e beirarrúas.


