Na sesión plenaria que se celebrará mañá mércores
O PP DE REDONDELA SOLICITARALLE RESPONSABILIDADES AO GOBERNO LOCAL RESPECTO DAS MEDIDAS DE SEGURIDADE TOMADAS NA AVENIDA DE MENDIÑO
• Ante o intento do Bipartito de silenciar a oposición, os populares solicitarán a comparecencia do concelleiro de Tráfico, Patrimonio, Cultura e Protección Civil, “competencias que el mesmo declara en prensa descoñecer”
• Os edil delegado de Deportes terá que explicar cal é a situación actual do Pazo dos Deportes e do pavillón de Cesantes; e a concelleira de Participación Cidadá comparecerá respecto da construción da A-59
Redondela, 28 de decembro de 2010.- O Partido Popular de Redondela volverá a pedir responsabilidades respecto de diversos temas na sesión plenaria que se celebrará mañá mércores, 29 de decembro. Os populares amósanse molestos, aínda que non sorprendidos, ante a actitude intolerante dos membros do Goberno local “que non fan máis que intentar silenciar á oposición, negándose a compadecer ante a nosa solicitude sempre en tempo e forma”, explica o concelleiro do PP Alberto Pazos. Desta vez, “concretaremos como así quixo o Bipartito as nosas solicitudes de comparecencia á espera dunha exposición argumentada e convincente”. Neste sentido, o PP require a comparecencia do próximo alcaldable socialista por diversos temas “dos que el ten competencia pero, misteriosamente, declara na prensa que non é tal” e tamén a do concelleiro de Deportes e a edil de Participación Cidadá.
Unha vella demanda do colectivo veciñal á que o Bipartito fai oídos xordos
Xa fai tempo que un grupo de veciños e tamén o Partido Popular, mediante unha moción, solicitaban ao Goberno local medidas de seguridade na avenida de Mendiño antes os múltiples sinistros que alí se viñan producindo e o perigo que elo supoñía para condutores e, sobre todo, viandantes. Dende entón, “este Bipartito non fixo nada por dar resposta a esta demanda e solucionar o problema, sendo cada vez maiores os accidentes producidos na zona chegando incluso a situacións moi graves”. Por todo isto, o PP solicítalle ao concelleiro delegado de Tráfico, Eduardo Reguera, que explique a relación de medidas tomadas ao respecto, “das que eles tanto falan pero que os veciños non ven”.
Por outra parte, e dirixíndose igualmente a Reguera, desta vez como concelleiro de Patrimonio, Cultura e Protección Civil, os populares realizarán unha serie de preguntas. No primeiro dos casos, apelan á demagoxia deste á hora de “colgarse a medalla por conseguir un proxecto ao que nin el nin o seu partido nin tampouco o Concello aportou nada ata o de entón, sen saberse tampouco se cumprirán co prometido”; trátase do Museo da Batalla de Rande, “resultado dun traballo calado e efectivo da Asociación de Veciños de Rande, sendo ademais a Autoridade Portuaria de Vigo quen cede os terreos e a Xunta de Galicia quen fai unha achega económica de 35.000 euros”. Polo que respecta, ao servizo de Protección Civil, os populares preguntaranlle a Reguera que pasará a partir do día 1 de xaneiro co servizo do Grumir, que queda sen efecto cando todos os concellos de máis de 20.000 habitantes teñen a obriga de prestalo; ademais, nesta liña o PP recriminaralle ao Goberno local a existencia de contratos irregulares, co persoal deste departamento, que agora xeran uns dereitos sociais que “agora este Bipartito pasará por alto”.
Melloras en materia deportiva e A-59 vs A-57 e alternativa 11
O PP solicitara xa no último pleno a comparecencia do edil delegado de Deportes a quen lle preguntaban polas diferentes obras a executar co obxectivo de cubrir as deficiencias que soportan diversas instalacións deportivas no municipio, ao descoñecerse unha calendario para ditas actuacións. Neste sentido, o concelleiro negouse a compadecer ante a falta de concreción da pregunta, polo que agora, “e por poñer algúns dos moitos exemplos polos que poderiamos preguntar”, o PP solicítalle que explique a situación na que se atopa o Pazo dos Deportes e o pavillón de Cesantes.
Finalmente, os populares solicitan a comparecencia de concelleira de Participación Cidadá, presidenta de todos os consellos parroquias, para que explique realmente a postura adoptada en ditos consellos respecto da construción da A-59, pois “parece que só lles gusta publicar o que a eles lles interesa, apoiado por unha minoría, silenciado o que verdadeiramente pensa unha ampla maioría dos veciños, que é o rexeitamento da A-59 en favor da A-57 e a alternativa 11, como ben tamén defende o PP”.
Os populares só esperan agora que os comparecentes “dean conta do que, realmente, é ou debería ser o seu traballo diario” e non actúen como vén sendo de costume negándose a falar e apoiándose en razóns inxustificables.

