O PARTIDO POPULAR DE REDONDELA RECLÁMALLE AO GOBERNO LOCAL QUE FAGA UN ESFORZO POR AXUDAR AS PATINADORAS DO CLUB BOLBORETA PARA QUE POIDAN ADESTRARSE EN REDONDELA.
• O grupo municipal do PP requerirá no pleno de hoxe mercores, unha explicación respecto deste problema, tendo corroborado que existe dispoñibilidade no pavillón de Chapela. Ademais, os pais e as rapazas estarán presente fronte ao edificio do Concello expresando a súa preocupación desatendida, como vén sendo habitual, polos dirixentes municipais
Redondela, 26 de outubro de 2010.- O Partido Popular de Redondela preguntaralle aos membros do Goberno local, na sesión plenaria que se celebrará na tarde de hoxe mércores, a través dunha comparecencia do Concelleiro de Deportes, o motivo polo cal se lle nega o uso dunha pista no pavillón de Chapela ao equipo de competición do Club Bolboreta de Patinaxe cando existen posibilidades reais de que poidan usala para o seu adestramento semanal.
Dende fai tres anos este grupo federado composto por oitenta nenas e nenos de Redondela, está demandando para o seu grupo de competición composto por doce rapazas, a cesión unicamente dunha hora e media ou dúas á semana dunha pista nestas instalacións, as únicas en todo o municipio que contan cunha pista de parquet, e a resposta por parte de Concello é sempre a mesma “que non hai nin un só oco libre, cando realmente está comprobado, polos propios pais das rapazas e en máis dunha ocasión, que os sábados antes das nove e media ou dez da mañá as pistas están baleiras”, explica a concelleira do PP Erminda Quenlle.
“Trátase dunha necesidade perentoria posto que as competicións comezan en apenas uns meses e as deportistas precisan adestrar no municipio de Redondela e non desprazarse ata a cidade de Pontevedra como o están a facer ata o de agora”, sinala a edil, “con todos os inconvintes que estes desprazamentos lles xeneran, a pais e nenas”
Socialistas e nacionalistas puxeron todo tipo de escusas, “que non hai horarios dispoñibles, cando realmente si os hai, e incluso que si se adestrasen na pista do pavillón de Chapela estropearían o parquet co uso dos patíns, cando isto nunca ocurriría xa que teñen rodas especiais para ese tipo de solo”.
Ante esta demanda, o grupo municipal do Partido Popular, en apoio a este colectivo e aos intereses dos veciños en xeral, presentará este tema mediante a petición de Comparecencia do Concelleiro de Deportes, na sesión plenaria que se celebrará na tarde de hoxe mércores, co obxectivo de que se debata e que os dirixentes municipais ofrezan unha solución de inmediato. Os pais e as nenas implicadas neste problema farán acto de presencia durante a celebración do pleno fronte ao edificio do Concello para expresar, unha vez máis, a súa preocupación.
“Como sempre, e dentro da da súa liña de actuación, a inoperancia, a indiferencia e a ineficacia son as notas coas que acostuman atoparse os redondeláns cando se dirixen a algún dos actuais membros deste Bigoberno para que busquen solucións aos seus problemas”, conclúe Quenlle.

