O PP DE REDONDELA MANIFESTA O SEU REXEITAMENTO Á CONSTRUCIÓN DA A-59
• Javier Bas apunta que esta infraestrutura desintegrará o municipio, levando por diante os valores naturais e patrimoniais
• Os populares critican a actitude partidista do Goberno local, único defensor do proxecto en contra do cal xa se manifestaron gran parte dos veciños
Redondela, 19 de xaneiro de 2011.- O Partido Popular de Redondela salienta a gravidade que suporá para o municipio a construción da autovía A-59. Polos límites deste concello discorren todas as vías de comunicación entre o norte e o sur da provincia e a comunidade autónoma, ferroviarias, estradas nacionais, autoestrada, tren de alta velocidade e proximamente tamén a autovía A-59, ademais de ser vía de entrada para as aeronaves cara ao aeroporto de Peinador.
“Resulta xa imposible esnaquizar máis o noso territorio, segregar e illar máis as parroquias e barrios, que coa construción desta infraestrutura”, asegura Javier Bas, presidente da Xestora local do PP e candidato á Alcaldía. “Estamos falando dunha autovía que en zonas determinadas vai supor unha brecha de cen metros que dividirá parroquias enteiras, que se verán afectadas no seu crecemento polas afeccións de lindes de forma indefinida e que segundo coñecemos, vai supor a proliferación de viadutos de forma masiva”, engade Bas.
Ninguén en Redondela apoia esta infraestrutura, “pois é un novo sacrificio para nós, un máis, para que outros poidan vender que desconxestionan a Ponte de Rande, á conta de esnaquizar o patrimonio natural e o territorio do cuarto municipio da provincia, sen custo algún”.
O posicionamento veciñal é moi forte en contra da construción da A-59, e desde o Partido Popular levouse incluso unha petición ao Parlamento de Galicia solicitando a prioridade da A-57 coa alternativa 11, que comunica igualmente a parte norte da comunidade coa saída cara á meseta e que afecta de forma sensiblemente inferior ao municipio redondelán, desconxestionando, “esta si”, remarca Bas, a AP-9.
“Estamos por defender o noso, os nosos pozos, os nosos mananciais, regatos e arroios, fontes, labrados e carreiros, montes e miradoiros, ante un ataque sen sentido a todos estes valores naturais que Redondela ten e tamén aos intanxibles paisaxísticos e de calidade e modo de vida dos veciños.
Todos estes valores vanse a ver defenestrados e arrasados co paso desta autovía por lugares cuxa beleza e riqueza patrimonial e natural para si quixesen outros municipios”, apunta o candidato do PP á Alcaldía.
“É o noso deber, e desde este convencemento ímolo a levar a cabo, utilizar todas e cada unha das vías que en dereito estean ao noso alcance para intentar deter a construción desta infraestrutura, que sumada ás tremendas obras que xa estamos sufrindo para a construción do AVE, vannos a dar o golpe de graza definitivo como municipio”.
Segundo os populares “con cada nova infraestrutura que vén e arrasa o municipio, os nosos gobernantes son incapaces de poñerse en lugar dos veciños, non poden ou non queren achegarse á realidade de Redondela, tal e como hoxe a vemos, sen sacar nunca beneficio algún.
Redondela sempre cedeu e non recibiu a cambio de tanta desfeita ningunha compensación, ao contrario, recibimos novas esixencias e sacrificios sen pedir nada a cambio”.
Do mesmo xeito, o PP critica que “a nosa máis alta representación municipal non está ao lado dos veciños, senón que adopta unha actitude partidista, ata o límite de defender publicamente este proxecto sen argumentos”. Neste sentido, dende o Partido Popular de Redondela pénsase que “hai determinadas actuacións e posicionamentos que non se poden sustentar en ideoloxías, nin dun lado nin do contrario, e este caso, o do viario de conexión chamado A-59, é un exemplo clarísimo.
É unha mala actuación para Redondela, é malo para o noso territorio, é malo para o noso valor como municipio e é malo para as persoas e por todo isto nos non podemos facer coma outros e virar a cara ante una perspectiva de futuro tan nefasta como a que nos espera unha vez que as obras dean comenzo.

