O PP DE REDONDELA DOA A CÁRITAS REDONDELA PARTE DO IMPORTE QUE GASTARÍA NO ENVÍO POSTAL DAS FELICITACIÓNS DE NADAL
• Desta maneira, axudan ás familias máis necesitadas do Concello á vez que felicitan, dun xeito solidario, aos seus afiliados e simpatizantes e a todos os redondeláns, trasladándolle os mellores desexos para o ano novo 2011
Redondela, 22 de decembro de 2010.- Sendo consciente das crecentes necesidades e do momento tan duro de crise económica, o Partido Popular de Redondela decidiu neste ano 2010 felicitar aos seus afiliados e simpatizantes dun xeito solidario. Desta maneira, os populares optaron por suprimir o envío postal de felicitacións de Nadal e doar a cantidade que dedicarían a estas a Cáritas Redondela.
Trátase dun acto altruísta a través do cal “queremos axudar ás familias máis necesitadas do noso Concello e que realmente están a pasar por momentos difíciles”, explica Teresa París, Secretaria de Comunicación e Organización da Xestora local. “Cáritas Redondela é unha entidade á que moitos acoden diariamente pedindo axuda e que nestas datas e case o único cravo ao que poden agarrarse estas persoas e familias enteiras do noso municipio”, engade.
Tamén se fixo expreso o seu desexo e o de todo o Partido Popular de que “sexamos todos un pouco máis solidarios, dándonos conta de que cun pequeno xesto podemos axudar a moitos”. Ademais, aproveitando a ocasión, a Secretaria de Comunicación envía unha mensaxe felicitando deste xeito as Festas de Nadal a todos os redondeláns, en xeral e aos afiliados e simpatizantes do PP en particular, trasladándolles os seus mellores desexos para o ano novo 2011, e “animo a todos os demáis colectivos, sexan políticos ou non, para que nestas festas de Nadal fagan outros pequenos xestos e entre todos colaboremos con persoas que o necesitan”, sinalaba Teresa París.

