O PP DE REDONDELA DENUNCIA O RETARDO, DESPOIS XA DE 16 ANOS, DO PROXECTO DE ACONDICIONAMENTO DA ENTRADA AO BARRIO DE CIDADELLE EN CHAPELA
• Emilio González, en calidade de alcalde accidental, asinou un acordo municipal en 1994 a través do cal se daba constancia da mellora neste punto erradicando así os problemas de tráfico e seguridade viaria, que hoxe se ven incrementados
• Os populares esíxenlle ao Goberno local seriedade e compromiso cos veciños, atendendo as súas demandas e necesidades en tempo e forma
Redondela, 11 de xaneiro de 2011.- O Partido Popular de Redondela , quere salientar, unha vez máis, a inoperancia e falta de compromiso do Goberno local con todos os veciños do municipio. Neste caso concreto, os populares refírense ao descoido e esquecemento aos que teñen sometido aos habitantes da parroquia de Chapela que suman preto de 8.000. Máis concretamente, trátase da non execución dunha serie de obras para erradicar un problema de tráfico e seguridade no cruce que da entrada ao barrio de Cidadelle. “Un compromiso adquirido polos gobernantes municipais no ano 1994 e do cal a día de hoxe os veciños aínda non observamos sinal algunha”, explica o concelleiro do PP Miguel Ángel Álvarez.
Rematou 2010 e as medidas que en 1994 o propio Emilio González, en calidade de alcalde accidental, asinou nun acordo municipal “seguen a ser fume”, un acordo no que se expresaba de maneira inequívoca que na sesión plenaria a celebrar en xuño de 1994 se incluiría un punto para o proxecto de urbanización do Camiño da Costoya –hoxe inexistente-, procedéndose á expropiación de terreos a tal efecto de maneira urxente e forzosa. Ante este incumprimento, “alguén terá que explicarlle a todos os veciños de Chapela estas medidas urxentes que en máis de 16 anos non se puxeron en marcha. Despois de todo este tempo, esta actitude do Goberno local considerámola un engano e unha burla, e o feito de que sigan dicindo que van a expropiar e a iniciar os expedientes con cada novo período electoral, cando todo continúa sen facer, é intolerable”, sinala Álvarez.
Polo momento, engade ,o problema de tráfico e seguridade viaria segue a existir, “incrementándose cada día que pasa, tendo en conta a cantidade de vehículos que circulamos diariamente por esta intersección, que nos comunica aos veciños de Cidadelle coa parte alta de Chapela, o centro de saúde, os colexios e demais servizos aos que necesitamos acceder diariamente. A maiores, trátase esta dunha zona complexa e perigosa para os peóns ao carecer de beirarrúas axeitadas e tamén, tralos recentes cambios de circulación no cruce de Parada, moitos vehículos veñen polo Camiño de Leitón e o Camiño da Buraca ata este cruce, que conflúe coa N-552, para poder xirar en dirección a Vigo”.
Con todo os veciños seguen a padecer este grave problema, “e todo pola incompetencia e falta de seriedade nos compromisos do Goberno local de Redondela. Atopámonos, novamente, ante a desidia e o desapego cos problemas das parroquias, facendo oídos xordos as necesidades e demandas dos veciños, virando a mirada cara ao outro lado”.
Por todo elo, remata o concelleiro Miguel Angel Alvarez, “dende o PP de Redondela instan a socialistas e nacionalistas, a que non deixen pasar outro ano sen dar unha solución a este asunto, que cumpran co prometido e, sobre todo, que teñan presentes as necesidades de todos os redondeláns, respondendo en tempo e forma ás súas demandas e inquedanzas, xa que os problemas non se solucionan co paso dos anos, como parecen interpretar neste bipartito que nos goberna”, conclúe o concelleiro popular.


