CONTRATACIONS IRREGULARES NO GRUMIR DE REDONDELA

O PP DE REDONDELA DESENMASCARA AO BIPARTITO E EDUARDO REGUERA ADMITE A PRÁCTICA DE IRREGULARIDADES NA CONTRATACIÓN DO SERVIZO DO GRUMIR

• Os populares solicitaron, no último pleno, a comparecencia do edil de Protección Civil para preguntarlle polo conflito laboral mantido cun grupo de traballadores deste servizo

Redondela, 7 de xaneiro de 2011.- O Partido Popular de Redondela solicitou no último pleno municipal do ano 2010, celebrado o pasado mércores, a comparecencia, entre outras, do concelleiro delegado de Protección Civil para preguntarlle polo conflito laboral que mantén cun grupo de traballadores do servizo do Grumir. Neste sentido, o PP corroborou as súas investigacións ao ser o propio edil, o señor Eduardo Reguera, quen admitiu efectuar contratos laborais cos voluntarios do Grumir para cubrir o servizo durante este ano 2010 sen ter en conta as bases establecidas para este tipo de contratos fixados e subvencionados pola Xunta de Galicia, engadindo, ante o estupor de propios e estraños, “que o feito de non cumprir coas bases é unha conduta xeneralizada”.
En primeiro lugar Reguera negou a existencia de tal conflito –ou que el o descoñecía se realmente o houbese-. Acto seguido, e na súa segunda quenda, o concelleiro do PP Alberto Pazos preguntou directamente se estas contratacións se fixeran seguindo o marcado nas bases que legalmente os definen, e nas que se describe de forma inequívoca os períodos máximos de traballo e o perfil tipo de persoa que pode acceder a estes contratos subvencionados. Foi entón cando Reguera tratou de buscar unha excusa intentando convencer o auditorio de que isto non tiña importancia xa que a él parecíalle ben, e non vía problema algún na súa interpretación. “Noutras palabras, excedeuse o período máximo durante o cal os voluntarios poden estar contratados para o servizo e ademais incúmprese reiteradamente cunha das condicións básicas para ser contratado, que non é outra que estar desempregado e non ter experiencia laboral, xa que o obxeto destas contratacións é o de “fomentar o emprego en colaboración coas entidades locais a través da contratación de traballadores desempregados e mulleres víctimas de violencia para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social, co obxeto de proporcionarlles a experiencia e a práctica profesional necesarias para facilitarlles a sua inserción laboral”, explica Pazos.
Admitido xa, por parte do propio concelleiro, que o Goberno local incorrera nestas irregularidades, Reguera escudouse en que “para el non se pode mandar a cubrir o servizo do Grumir a persoas sen coñecementos”.
Isto resulta evidente, é necesario que ó menos teñan coñecementos para estas tarefas, doutro xeito sería cometer un acto imprudente. Suliña Pazos.
E foi o toque final o comentario do señor Reguera aportando como argumento que este tipo de contratación ilegal faise de forma sistemática en moitos municipios”, dos que incluso deu algúns exemplos diante do público e dos medios de comunicación asistentes á sesión plenaria.
Ante esta situación, desde o PP de Redondela cualifican a impresión que causou o edil de nefasta “por canto admitiu pública e imprudentemente a súa censurable xestión, ao realizar contratos con diñeiro público e de forma irregular, poñendo de manifesto as maneiras que imperan nesta concellaría que é unicamente da súa competencia. O señor Reguera demostrou en público a súa forma particular de ver as cousas, de interpretar as normas como a el lle parece conveniente e de buscar escusas cando non queda outro camiño. Este tipo de conductas son inadmisibles en ninguén que se adique a xestionar a cousa pública, e aínda menos en algúen que pretende ser elixido alcalde deste municipio nos próximos comicios municipais. Actuou mal e a sabendas, e nos rexeitamos este xeito de facer as cousas e imos facer saber a todos os veciños cómo se fan as cousas neste bipartito.”, asegura Pazos.
O PP condena este tipo de actuacións “que non poden nin deben quedar impunes”. A admisión por parte dun concelleiro do actual Bipartito municipal de actuacións irregulares, que así se amosou e así debe quedar recollido no acta do pleno, “non é máis que outra demostración do actual nivel de xestión que desenvolven os nosos gobernantes en Redondela, unha auténtica demostración de incompetencia e de nepotismo, así como de pasar por enriba de depende qué normas e pretender que non existan problemas derivados desta actuación irregular do concelleiro. Os demáis membros do concello, en concreto os concelleiros populares non van calar desta vez, dando alas a conductas non permitidas nun cargo público.”, conclúe o concelleiro do PP.

SAÚDOS,
GABINETE DE COMUNICACIÓN DO PP DE REDONDELA

This entry was posted in Novas de Prensa. Bookmark the permalink.

Comments are closed.