PROXECTO DO PORTO DE CESANTES

A XUNTA PRESENTOU HOXE O PROXECTO DO PORTO DE CESANTES ANUNCIADO XA EN PLENO POLO PARTIDO POPULAR DE REDONDELA

• “Agora póñense as cartas sobre a mesa e dicímoslles aos señores socialistas e nacionalistas que o PP de Redondela nunca vai de farol, que todo o que dicimos así é”, subliña Pazos
• O plan de inversións, duns 6 millóns de euros, contempla unha remodelación integral das instalacións portuarias coa creación dunha nova lonxa, departamentos para usuarios, un dique aboiante e un edificio de servizos náutico recreativos

Redondela, 27 de xaneiro de 2011.- O Partido Popular de Redondela nunca minte e de aí a presentación que se fixo hoxe da remodelación integral do Porto de Cesantes. Un proxecto anunciado xa polo PP de Redondela nunha sesión plenaria do Concello fai un mes, exposición ante a cal os membros do Bigoberno local “nos chamaron faroleiros”, sinala o concelleiro do PP Alberto Pazos, “agora póñense as cartas sobre a mesa e dicímoslles aos señores socialistas e nacionalistas que o PP de Redondela nunca vai de farol, que todo o que dicimos así é”, subliña Pazos.
Deste xeito, o presidente de Portos de Galicia, José Manuel Álvarez-Campana, acompañado tamén de Lucía Molares, delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo e de diferentes membros do PP encabezados polo presidente da Xestora local e candidato á Alcaldía, Javier Bas, presentou a todos os mariñeiros e mariscadoras, usuarios do Porto de Cesantes, o proxecto contemplado para a zona que presenta unha inversión duns seis millóns de euros. Un proxecto no que se fixo fincapé a súa flexibilidade, estando aberto sempre a proposicións e ideas dos propios usuarios.
O plan inclúe un total de dez actuacións nestas instalacións portuarias co obxectivo de poñer en valor un porto que sofre claras deficiencias, atopándose infraaproveitado pese ao seu potencial de actividade profesional. “Trátase pois de dar resposta a unha demanda que xa vén de moitos anos atrás, reivindicada por todos os mariñeiros e mariscadoras que aquí traballan”, apunta Javier Bas.
Entre outras actuacións o plan de inversións para o Porto de Cesantes inclúe a creación dunha nova lonxa, departamentos para os usuarios, un dique aboiante e un edificio de servizos náutico recreativos co que se ampliará a dimensión de actividade do porto redondelán.
Proxectos coma este son unha mostra da aposta pola optimización e impulso á actividade profesional nas instalacións portuarias galegas que está a facer a Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

 

This entry was posted in Cesantes, Novas de Prensa, Novas, Sala de Prensa. Bookmark the permalink.

Comments are closed.