Redondela, 3 de decembro de 2010.- O Partido Popular de Redondela amósase molesto, aínda que non sorprendido, ante a actitude intolerante dos membros do Goberno local. Foi na última sesión plenaria, celebrada este pasado martes, cando se produciu “un novo intento de silenciar á oposición –porque só así se pode definir-“, sinala o concelleiro do PP Alberto Pazos, no momento de seren rexeitadas dúas comparecencias solicitadas, en tempo e forma, polo grupo municipal do Partido Popular e unha terceira que non se puido levar a cabo ante a ausencia “máis que cuestionable” da edil responsable.
En primeiro lugar, dende o PP destacan “a situación lamentable á que nos ten acostumados Eduardo Reguera, como un dos concelleiros que soporta maiores competencias no Concello”, explica Pazos. “O señor Reguera escúdase permanentemente no regulamento ou no voceiro do seu grupo de goberno para non dar nunca a cara ante os numerosos problemas, esquivando calquera explicación. Como é posible que alguén que aspira a ser alcalde dun municipio como Redondela non sexa quen de pór enriba da mesa o seu traballo –se é que existe- e responder ás preguntas requiridas –se é que ten argumentos-?”, apunta o edil popular.
O Partido Popular solicitaba no pleno a comparecencia de Eduardo Reguera para dar conta de diferentes aspectos relacionados coa súa xestión ao fronte das respectivas concellerías e a resposta do Goberno local foi o voto en contra de devandita comparecencia alegando “a falta de concrecións nas solicitudes presentadas”. Este mesmo argumento foi o que serviu para que, igualmente, non se levase a diante a comparecencia do edil delegado de Deportes, Carlos González, a quen os populares preguntaban polas diferentes obras a executar co obxectivo de cubrir as deficiencias que soportan diferentes instalacións deportivas no municipio. “Se este concelleiro tivese o control preciso sobre as mesmas, coñecendo a realidade en cada un dos casos non sería necesario esa concreción, o señor González ten que ser quen de dar unha resposta fundamentada no que debería ser o seu traballo diario e que con esta actitude demostra que non cumpre coas súas obrigas”, asegura Pazos.
Finalmente, a terceira das solicitudes presentada polo PP afectaba á responsable da Concellería de Normalización Lingüística e Participación Cidadá, Ángeles Babarro, que marchou do pleno ao comezar o último dos puntos da orde do día de control político dos órganos de goberno municipais. “Resulta intolerable que esta concelleira non comparecese como así se solicitaba, unha petición que se rexistrou ao seu debido tempo e que xa estaba prevista para a data inicial na que se debería celebrar a sesión e que por mor do Goberno local se pospuxo. Neste caso, sendo coñecedora con suficiente antelación da súa comparecencia, non é de recibo que se levante do pleno e se vaia para, segundo ela dixo, ir actuar co seu coro. Un novo exemplo de incompetencia e actitude lamentable dunhas persoas que din gobernar Redondela”, conclúe Alberto Pazos.
Saúdos,
Gabinete de Comunicación do PP de Redondela

