Redondela, 12 de novembro de 2010.- O Partido Popular de Redondela lamenta, unha vez máis, a actitude pasiva e de deixadez do Goberno local que “deixa pasar diferentes subvencións por non levar o traballo de solicitalas”, explica Javier Bas presidente da Xestora local e candidato do PP á Alcaldía. Foron os propios dirixentes municipais os que fixeron estas declaracións ao seren preguntados no pleno, do día 27 de outubro deste ano, polo por qué de que o Concello de Redondela non pedira ningunha subvención á Xunta de Galicia en materia de deporte.
Por todos é sabido que Redondela precisa de melloras e reformas en moitas das instalacións deportivas existentes, así como tamén a construción doutras novas pero, sen embargo, o Bipartito municipal “parace que non o ve así, desatendendo ás demandas e necesidades dos seus veciños”. O concelleiro Emilio González respondeu en dita sesión plenaria que as condicións para poder acceder a estas subvencións eran tan complexas e esixentes coa documentación necesaria que non estaban dispostos a pasar ese traballo, “unha manida escusa que conseguiu facernos sentir a todos os redondeláns defraudados e de novo ninguneados por este matrimonio de conveniencia”, sinala Bas.
Esta actuación incorrecta do Goberno local provocou que Redondela perdese a opción de conseguir uns fondos procedentes do Executivo autonómico que outros concellos si souberon aproveitar e beneficiarse de parte dos 920.000 euros dos que a Secretaría Xeral para o Deporte dispuxo para os diferentes municipios. Deste xeito, “nós os redondeláns quedamos sen nada por culpa da nefasta xestión, neste caso incluso inexistente, dos dirixentes do noso Concello”, subliña Bas. “Atopámonos, novamente, coa resposta soberbia de aqueles aos que parece importarlles pouco, que cando os medios son escasos, todo o que se poida pedir e conseguir é benvido, aínda que lles supoña esforzos que para esta casa de gobernantes son demasiados, como eles mesmos teñen a ben en sinalar sen reparo algún”, engade o candidato do PP á Alcaldía.
Esta é a resposta ao por qué Redondela non solicita subvencións para o deporte e ao por qué Redondela non traballa como o resto de concellos que sí presentan solicitudes e son atendidas, tanto para melloras en pavillóns de deportes, posta en marcha e acondicionamento en rutas de sendeirismo, parques biosaudables, etc.
“Estas actitudes e maneiras de gobernar, tan sobradamente coñecidas por todos, son as que fan que cada día que pasa Redondela e os redondeláns vaiamos para atrás e non avancemos, xa non só en materia deportiva senón en todos os ámbitos político, social, económico e cultural”.
Saúdos,
Gabinete de Comunicación do PP de Redondela

