O PP DE REDONDELA DENUNCIA O ABANDONO DA PARROQUIA DE VILAR DE INFESTA, POR ONDE PASA O CAMIÑO XACOBEO

Redondela, 18 de outubro de 2010.- O Partido Popular de Redondela cualifica de nefasta a atención do Goberno local á hora de atender ás necesidades e demandas xeradas en todas as parroquias rurais do municipio, moi especialmente no caso de Vilar de Infesta “onde os seus habitantes están a sufrir unha perda progresiva de calidade de vida debido, entre outros motivos, á explotación da súa contorna e á convivencia co ruído e as incomodidades que supón ter un aeroporto a escasos metros”, explica o presidente da Xestora local, Javier Bas. “Molestias polas cales non reciben ningunha contrapartida especial nin sequera tampouco o que eles mesmo merecen como calquera outro cidadán de Redondela”, engade.

O Partido Popular local está a realizar unha serie de reunións e visitas ás diferentes parroquias a través das cales está a comprobar, e corroborar unha vez máis, “o continuo abandono das mesmas por parte dos dirixentes municipais que viran as costas e fan oídos xordos ante as necesidades reais destas zonas”, asegura Bas. No entanto, Vilar de Infesta é unha das máis esquecidas por parte deste Bigoberno que “día tras día mira cara á estes veciños con total indiferencia”.

Saneamento e viais

O abandono é tal que incluso actuacións tan básicas como é o saneamento está a causar problemas no traxecto do Camiño de Santiago que por esta zona discorre e polo que pasan milleiros de peregrinos. “Neste tramo que vai dende Chan das Pipas a Santiaguiño, atopámonos cunha recente obra de saneamento que afecta a unha ducia de veciños, na que se instalou unha estación de bombeo que deixou de funcionar provocando a acumulación das augas fecais no depósito e a saída das mesmas directamente polas tapas dos rexistros cara ao exterior nunha cantidade importante e encharcando varios metros do camiño, vía de entrada para estes veciños e de paso para os milleiros de persoas que peregrinan a Santiago neste ano Xacobeo”, sinala Bas. Ademais, noutras rúas as tapas dos rexistros e as arquetas non están instaladas como é debido polo que non soportan o paso dos vehículos, rematando por afundirse e crear fochancas e roturas do firme co perigo que isto conleva para conductores e viandantes.

“É unha vergoña que despois de varias queixas no Concello, o Goberno siga de brazos cruzados sen facer nada por eliminar os malos cheiros que isto provoca e a mala imaxe que transmitimos a todos os peregrinos chegados dende múltiples puntos de todo o mundo. A falta de resposta ante problemas como este están a deteriorar moito non só a imaxe de Redondela, senón que poñen de novo na picota aos nosos responsables municipais e á súa forma de tratar aos redondeláns”, asegura Bas.

Medio Ambiente

Vilar de Infestas sempre destacou por ser terra de fontes e afloramentos de auga, por onde discorre o val do río Maceiras. A día de hoxe, “veciños e visitantes poden contemplar como algunhas destas fontes atópanse nun estado lamentable, pois as obras de saneamento romperon os nacentes e agora a auga vai estrada abaixo en lugar de por onde soía saír”, é o caso da fonte dos Teixugos no Muiño do medio, da fonte do Fixón e da fonte de San Martiño. Ademais, noutras zonas existen lavadoiros sen auga e, en xeral, non hai mantemento nin conservación algunha destes bens públicos ao servizo dos veciños.

Infraestructuras

Por outra parte, “infraestruturas como son as instalacións deportivas tampouco gozan de boa saúde”. O campo de fútbol do equipo da parroquia que milita na terceira división autonómica, o Atlético de Vilar, e no cal tamén xoga un equipo xuvenil, “presenta un estado vergoñoso”. Este carece de casetas, ten un firme de terra cheo de fochancas e os servizos están totalmente abandonados, sen mantemento algún. “En xeral presentan un aspecto inadmisible en pleno século XXI”, remarca Bas.

Toda esta exposición é motivo máis que “unha pequena pincelada” que amosa a real situación de abandono que sufre Vilar de Infestas por parte do Concello de Redondela. Desta maneira, “o PP insta aos dirixentes municipais a que tomen de inmediato as medidas oportunas para remediar esta deixadez, asumindo cada edil as súas responsabilidades na materia que lle corresponde”, conclúe o presidente da Xestora.

Saúdos,
Gabinete de Comunicación do PP de Redondela

This entry was posted in Novas de Prensa, Sala de Prensa, Vilar de Infesta and tagged , , , , , , , . Bookmark the permalink.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

*

You may use these HTML tags and attributes: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>