Redondela, 4 de outubro de 2010.- O Partido Popular de Redondela non sae do seu asombro ante a mala xestión, ineficacia e deixadez do Goberno local. Desta vez, trátase do desenvolvemento inadecuado dos traballos de repintado de 21 aulas do Colexio Santa Mariña, ubicado no centro da vila. “No canto de realizar a obra durante os meses de verán que é cando os rapaces están de vacacións, comézana a facer agora cando estes voltan ás clases”, explica Teresa París, secretaria de Comunicación e Organización do PP local. Como era de esperar os traballos tiveron que pararse prevéndose a súa reanudación no Nadal, “periodo no que tampouco dará tempo a rematar xa que a empresa encargada da obra deu un prazo estimado para finalizar os traballos dun mes”, sinala París.
Ante esta actuación, o Partido Popular pediu, no último pleno celebrado o pasado martes, a comparecencia da responsable municipal de Educación, a edil socialista Albina Reboredo, para que explicase e aclarase os motivos da decisión tomada por ela mesma. A súa resposta foi un exemplo máis de ineficiencia no exercicio das funcións e competencias deste Bigoberno, expoñendo que dende o mes de xuño, que foi cando remataron as clases e cando a propia dirección do centro solicitou o pintado das aulas, estivo solicitando orzamentos, en concreto dous; “é dicir, todo o mes de xullo e agosto gastouno en, simplemente, preguntar prezos para tomar a decisión en setembro e de maneira inadecuada. Non é admisible para ninguén, pais e alumnos, que un colexio soporte o comezo dunha obra ao inicio do curso e este quede logo estancada, a medio rematar, para non saber con seguridade cando poderá ser rematada definitivamente”. Neste sentido, os populares lembran que o mantemento dos centros escolares son competencia municipal e é responsabilidade de cada concello que estes estén en condicións adecuadas para o desenvolvemento das clases, como así o recolle a lei.
Dende o Partido Popular de Redondela desapróbase este tipo de actitudes indolentes dos gobernantes municipais “aos que calquera escusa lles sirve para non dar a cara ante a súa ineficacia, a súa deixadez e o pouco respecto que amosan ante os seus veciños con accións como esta”, conclúe París.
Saúdos,
Gabinete de Comunicación do PP de Redondela

