O PARTIDO POPULAR DE REDONDELA SOLICÍTALLE AO GOBERNO LOCAL QUE TOME MEDIDAS PARA GARANTIZAR A SEGURIDADE DA LIÑA DE AUTOBÚS ESCOLAR DE CIDADELLE AOS COLEXIOS ALEXANDRE BÓVEDA E IGLESIA

Redondela, 29 de outubro de 2010.- O Partido Popular de Redondela amosa a súa preocupación pola seguridade dos nenos do barrio de Cidadelle que a diario viaxan en autobús, na liña que os leva aos colexio Alexandre Bóveda e Iglesia. Tanto para o transporte escolar como para calquera outro vehículo o estado deste vial non é o axeitado e así o expuxo o grupo municipal do PP durante a celebración do último pleno mediante a presentación dun rogo.

Dende o Partido Popular apuntan unha serie de medidas a levar a cabo para garantizar a seguridade neste vial. En determinados puntos sería preciso retanquear ou cubrir as cunetas, “pois a calzada é tan estreita que o risco de meter unha roda na cuneta ao cruzárense dous vehículos é alto, máis aínda se un deles é un autobús”, explicaba o concelleiro do PP Miguel Ángel Álvarez. Ademais deste incidente que xa se está a producir con frecuencia, co perigo que elo conleva tendo en conta que por alí pasa a diario o transporte escolar con ducias de nenos, algunhas curvas son demasiado pechadas e perigosas para o recorrido dun autobús, polo que, dende o PP, sinalouse que “sería preciso, en colaboración cos veciños, tratar de modular ou suavizar esas curvas”.

Finalmente, tamén se solicitou que se buscase o emprazamento idónea para a instalación de marquesiñas para abrigárense os escolares, “tendo en conta que a estas alturas non teñen maneira de gardarse da choiva e das condicións invernais polas que xa atravesamos e todas as que nos esperan”. Neste sentido, tendo en conta que se definiron dúas paradas na liña de autobús “serían preciso tamén dúas marquesiñas, necesarias dado que o número de nenos que se recollen en ambas paradas supera a vintena”, sinala Álvarez.

Todas estas son peticións que se axustan a un problema real polo que dende o Partido Popular de Redondela espérase que sexan escoitadas e tidas en conta. “Dende o noso partido colaboramos en todo o necesario para o bo funcionamento do servizo de autobús escolar en beneficio sempre dos seus usuarios, polo que traballamos a prol de que estes nenos poidan esperar o autobús e fagan nel o seu traxecto ao colexio nas condicións máis axeitadas de seguridade”, conclúe o concelleiro do PP.

Saúdos,
Gabinete de Comunicación do PP de Redondela

This entry was posted in Novas de Prensa, Sala de Prensa and tagged , , , , , , . Bookmark the permalink.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

*

You may use these HTML tags and attributes: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>