Redondela, 23 de outubro de 2010.- O Partido Popular de Redondela continúa coa súa nova andaina que comezaba fai uns meses coa presentación da xestora presidida por Javier Bas Corugeira. Logo de ser anunciada dende o PP Provincial a candidatura de Javier Bas á Alcaldía do Concello de Redondela, esta tarde celebrouse a súa presentación pública e oficial á que acudiron centos de afiliados e simpatizantes, manifestándolle o seu apoio de cara a afrontar con éxito os vindeiros comicios municipais de maio de 2011.
Diferentes personalidades do partido a nivel comarcal, provincial e autonómico tamén quixeron acompañar neste día tan importante aos populares redondeláns. Deste xeito, alcaldes da contorna, así como presidentes locais do PP non faltaron á cita, ao igual que os presidentes Rafael Louzán e Alberto Núñez Feijóo, encargados de iniciar e clausurar o acto, respectivamente.
Unidade e fortaleza para acadar unha nova Redondela
Co propósito de convertirse no vindeiro alcalde de Redondela gañando ás eleccións de maio de 2011 con maioría absoluta, Javier Bas iniciaba e clausuraba o seu discurso. Un próposito no que fundamentou gran parte das súas palabras, destacando que “a unidade e a fortaleza do partido serán imprescindibles para acadar este reto”. Na mesma liña expresábase Rafael Louzán asegurando que “só dende a unidade e o compromiso se pode garantir a vitoria e ofrecer aos cidadáns unha promesa seria e rigorosa de bo goberno”.
Despois de 30 anos de paralización, de ineficacia e ineficiencia, de deixadez e apatía, “chegou o momento de dar paso a outro estilo de Goberno baseado na eficacia e proximidade aos veciños”. Para elo Bas apelou á necesidade de desenvolver “un proxecto novo para unha Redondela nova”, un proxecto para o cal “é preciso a vosa implicación e o voso esforzo”, no que estará presente “a voz das 14 parroquias por igual, coa súa singularidade e problemática”.
“Contribuiremos ao crecemento e modernización de Redondela, como así xa o fixeron os nosos compañeiros durante os máis de dous anos nos que o PP estivo ao fronte do Goberno municipal, tempo no que se realizaron importantes proxectos. Os nosos concelleiros traballaron, traballan e traballarán sempre con vocación de servicio ao cidadán”.
Rafael Louzán desexou que “Redondela esperte do seu sono, porque merece seguir avanzando, cunha xestión seria que permita un impulso definitivo e que supoña a súa conversión nun municipio de referencia na provincia”. Neste sentido, “estamos convencidos de que os comicios do 2011 poden supoñer un antes e un despois para Redondela”.
“Este bipartito non soubo levar a Redondela ao lugar que lle corresponde”, aseguraba Javier Bas; “non teñen un proxecto común, non hai un diálogo entres eles, só intereses partidistas”. Louzán sinalaba que “non poden gobernar en democracia os que perderon as eleccións; e non se atreven a reformar este punto da lei electoral porque temen que o Partido Popular os traslade á oposición de maneira definitiva. Redondela necesita máis ca nunca un Goberno forte que diga non aos gobernos bipartitos”.
Non á A-59 nin á ampliación da AP-9, si a alternativa 11
Bas lembrou cando no ano 1985, nunha entrevista de Xaime Rey publicada na prensa, este falaba de catro problemas que tiña a vila dos viadutos, entón a preocupación residía no polígono industrial, no paseo marítimo, na nova variante e no vertedeiro. “Un cuarto de século despois, os que estamos preocupados somos os cidadáns pois seguimos sen polígono industrial, sen paseo marítimo, sen un tratamento axeitado da recollida do lixo e, por se todo isto non fose pouco, socialistas e nacionalistas apoian unha autovía, a A-59, que atravesará Redondela sen sentido e aporte algún, convertindo os nosos montes en asfalto”.
Diante dos centos de persoas que ateigaron o auditorio do multiusos da Xunqueira, Javier Bas fixo un chamamento a todas as forzas políticas e asociacións veciñais para acadar un acordo en defensa do territorio de Redondela, esixíndolle ao Goberno central a paralización da A-59, “a alternativa máis longa, máis cara e máis traumática para a nosa vila”, substituíndoa pola alternativa 11, “a máis barata, máis curta e máis beneficiosa”. Na mesma liña, apostou tamén pola paralización da ampliación da AP-9 ao seu paso por Chapela, “que suporá outra nova desfeita para os veciños sen aportar solución algunha ao tráfico de Vigo”.
Apego a Redondela
“Nacín en Redondela, de Redondela eran os meus avós e de Redondela son meus pais, a miña muller e os meus fillos”, así se presentou Bas que subliñou a súa forte vinculación con este municipio onde desenvolveu e desenvolve a súa vida persoal e profesional, “o que me leva a coñecer de primeira man as necesidades das familias redondeláns, a situación das nosas empresas e, en definitiva, a verdadeira realidade que afrontamos cada día. Vivo e sinto Redondela”.
Bas confesaba que foi dende a súa preocupación e inquedanza “cara á Redondela actual e a Redondela que herdarán os nosos fillos e os nosos netos” polo que aceptou a responsabilidade de “ser o voso candidato á Alcaldía deste Concello”. Pola súa parte, Louzán aseguraba que Javier Bas “ten as cualidades que buscamos nun candidato: coñecedor da realidade de Redondela e das súas necesidades, cunha traxectoria impecable e capacidade dialogante e autocrítica; por todo isto, Javier Bas é a nosa aposta firme por Redondela e nel vemos a combinación de ingredientes perfecta para afirmar que el será o novo alcalde de Redondela o 22 de maio de 2011.”
Agradecementos ao traballo realizado e proxección de futuro
Os agradecementos foron outra das cuestións das que non se esqueceu Bas, así eloxiou a presenza de todos os asistentes ao acto, sobre todo daquelas persoas que representaron nalgún momento da súa historia ao Partido Popular e aquelas outras que a día de hoxe están a traballar para nun futuro próximo “formamos un partido de goberno que conxugue xuventude, experiencia e preparación e no que prime a eficacia e o compromiso contraído con todos os veciños de Redondela”. Do mesmo xeito, Bas tamén tivo palabras de agradecemento ao Executivo galego e á Deputación de Pontevedra, “polo seu apoio incondicional que, de seguro, así continuará sendo”.
No capítulo de agradecementos, o presidente do PP Provincial destacou o esforzo e traballo de Francisca Canal, “quen nos ensinou”, dixo, “coa súa xenerosidade e o seu compromiso que o Partido Popular é un equipo, un só, sen escisión e sen protagonismos”.
Á presentación de Javier Bas celebrada hoxe en Redondela súmanse as de José Enrique Sotelo e Corina Porro que terán lugar na xornada de mañá domingo. A cita de Cangas será a partir das 12.30 horas no auditorio municipal e a de Vigo ás 14.30 horas no IFEVI cun posterior xantar popular.
Saúdos,
Gabinete de Comunicación do PP de Redondela













